jueves, 12 de abril de 2012

Por un derbi galego sen violencia


Son viguesa e son celtista, orgullosa. Tamén son, por suposto, galega. De ascendencia ourensana por parte de pai e lucense por parte de nai. De nena sempre pasaba uns días en familia na Coruña -encantábame a Casa das Ciencias, montar nos cabalos do Kiosko Alfonso, a Batalla de Flores en agosto e "pescar" camaróns con cubo e pala nas rochas da praia Riazor-, onde máis tarde vivín un ano e despois uns meses máis. Non me desgusta esa cidade -pero nin que dicir ten que prefiro a miña sempre, en todo, desde a subxectividade máis absoluta-, non penso que sexa un lugar horrible nin que toda a súa xente sexa digna de desprezo -algunha si, coma en todas partes-. De verdade que, aínda que moitos se resistan a crelo, é posible. O que non me gusta, iso si, é o seu equipo de fútbol.


Riazor (A Coruña), 1988. Con traxe de baño vermello, a que escribe.

A onde quero chegar con isto é a que entendo e comparto a rivalidade deportiva. Entendo que haxa pique, que nos levemos mal, que uns e outros queiramos gañar. Non entendo os insultos, o odio xa non aos equipos -que tampouco- senón ás cidades, a violencia de calquera tipo. Por unha parte é a festa do fútbol galego, por outra fai falta un tremendo despregue policial e a xente do equipo rival -neste caso do Deportivo por xogarse o derbi na nosa casa- non pode levar as súas camisetas sen medo ou sen ir escoltados. Contraditorio. Todos temos asumido que haberá incidentes, coma sempre. Converteuse en algo normal, inevitable... ou non.

Estes días oescoitaba críticas máis que comprensibles á actuación da Ertzaintza que acabou coa vida dun afeccionado do Athletic de Bilbao no encontro da UEFA contra o Schalke 04. A brutalidade policial é inxustificable, pero semella que ninguén repara en que este tipo de operativos non serían necesarios -e non habería risco de que chegasen a comportar tan dramáticas consecuencias- se aprenderamos a vivir o fútbol coma o que é (eu e as miñas utopías).

Hoxe suscribo as palabras -e róubolles o título para esta entrada- do comunicado conxunto que fixeron público as principais webs que seguen ao Celta -delcelta.com, elfutbolesceleste.com, moiceleste.com, noticiascelta.com e siareiros.net- e remítome ao que escribín eu mesma aquí nos días previos ao partido de ida en Riazor no que, por certo, os celtistas foron recibidos a pedradas e, á súa vez, lanzaron asentos.

Dito isto, hala Celta e que o desfrutemos!


Campaña por un derbi Celta-Deportivo sen violencia
Comunicado das webs que seguen ao Real Club Celta de Vigo.

1 comentario:

  1. Cómpre engadir que as webs do Deportivo tamén se uniron nas últimas horas á iniciativa celeste: http://www.moiceleste.com/2012/04/las-webs-del-deportivo-se-unen-la.html Agora tócanos ás afeccións...

    ResponderEliminar