martes, 3 de abril de 2012

¿Lume politizado?


O pasado domingo xurdiu a través das redes sociais unha convocatoria espontánea de concentracións nas principais cidades galegas "polas Fragas do Eume e en contra das mentiras da Xunta" tralo incendio declarado esta fin de semana. No evento correspondente en Facebook algunhas persoas preguntaban quen era o responsable da organización, pero eu achegueime á de Vigo sen sabelo -unicamente tiña coñecemento de que a Federación Veciñal e Esquerda Unida manifestaran o seu apoio ao acto; tamén o Bloque, que afirmara que se "sumaba"-, pero movida por unha causa que me parecía -e me segue a parecer- xusta. 

Non me sorprendeu atopar a Porta do Sol -lugar de encontro- ateigada de bandeiras do Bloque Nacionalista Galego, con políticos desta formación coma o concelleiro Santiago Domínguez ou a deputada Olaia Fernández Davila encabezando a concentración. Digo que non me sorprendeu, pero tampouco me agradou, porque coido que non era necesario e pode que mesmo tampouco pertinente.


Manifestación polas Fragas do Eume en Vigo, abril 2012
As bandeiras do BNG ateigaron a concentración de Vigo
en protesta polo ocorrido nas Fragas do Eume


Penso que houbo xente que quería protestar contra o sucedido ("polas Fragas do Eume e contra as mentiras do PP" era o lema, repito) pero que non se identificaba con esas bandeiras -así o manifestaron algúns mediante as propias redes sociais-. E non dubido que se lles vai acusar de querer sacar rendibilidade política á traxedia. En realidade, xa se está a facer, e era algo predecible que iso puidera ocorrer cun planeamento das concentracións coma o que se fixo, sen que sequera o BNG convocase -ou non abertamente- os actos. 


Manifestación polas Fragas do Eume en Vigo, abril 2012Manifestación polas Fragas do Eume en Vigo, abril 2012


Manifestación polas Fragas do Eume en Vigo, abril 2012
Santiago Domínguez (no centro).
Manifestación polas Fragas do Eume en Vigo, abril 2012Manifestación polas Fragas do Eume en Vigo, abril 2012


Eu non acuso a ninguén de querer aproveitar o incendio para sacar votos, non creo en abosluto que haxa esa intención, pero tamén considero que non resultaba o comportamento máis conveniente nunhas circunstancias coma estas e cos precedentes que existen (as acusacións á plataforma Nunca Máis, a vaga de incendios de 2006 baixo o goberno do bipartito PSdG-BNG...). Por ese motivo, deberíano ter previsto e evitar así dar pé a certas críticas. Aínda que fose só por iso, para cortar de raíz calquera dúbida. Ben é certo que en Vigo -non sei nas outras cidades- había así mesmo bandeiras de Esquerda Unida e outra xente (imaxes superiores) sen ningunha. Cadaquén, evidentemente, é libre de facer o que queira e represéntase a si mesmo, pero o obxectivo polo que foramos chamados e que era o que todos os alí presentes tiñamos en común a falta dun convocante definido, non entendía -ou non debera-, creo, de bandeiras.

2 comentarios: