(Reproduzo, máis algunhas fotos e vídeos, a crónica que tamén se pode ler en Dioivo. En español, aquí)
O que xa fixera Luis Emilio Batallán en 1975 no seu álbum Ahí ven o maio, repetírono hoxe en Vigo el e moitos dos novos talentos do panorama galego: musicar composicións do poeta Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912), ao que consideran “unha fonte inesgotable de inspiración”. Foi nun evento conmemorativo do centenario do seu nacemento e máis do medio século da publicación de Longa Noite de Pedra organizado pola Consellería de Cultura.
O que xa fixera Luis Emilio Batallán en 1975 no seu álbum Ahí ven o maio, repetírono hoxe en Vigo el e moitos dos novos talentos do panorama galego: musicar composicións do poeta Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912), ao que consideran “unha fonte inesgotable de inspiración”. Foi nun evento conmemorativo do centenario do seu nacemento e máis do medio século da publicación de Longa Noite de Pedra organizado pola Consellería de Cultura.
Pasadas as oito da tarde, El Puto Coke aparecía no escenario do Teatro do
Centro Cultural Novacaixagalicia para dar comezo a máis de dúas horas dun
espectáculo que combinou música, recitais poéticos e dramatizacións, sempre con
Ferreiro como nexo de unión. O rapeiro vigués, ademais de ofrecer a súa
particular visión do himno galego, interpretou o seu tema GgAaL_Ego –‘Non falo
galego normativo, o meu éche combativo’- e puxo música a un poema de Ferreiro.
“Somos unha xeración que loitamos pola cultura galega, por continuar o que fixeron
Celso Emilio e outros coma el”, reivindicou antes de que a presentadora do
evento, a escritora Yolanda Castaño, lle tomase o relevo.
A anfitrioa deu paso ao xornalista Fernando Franco, que recitou O can danado e do que se lembrou que é o
autor da última entrevista ao homenaxeado, feita na véspera do seu pasamento,
que se produciu na cidade olívica en 1979.
Ataque Escampe, en dúas das súas actuacións.
Chegou a continuación a quenda do grupo compostelán Ataque Escampe, que
pediu desculpas anticipadas polo seu “atrevemento” ao musicar a Celso Emilio,
pero que arrincou sonoras ovacións do público nas súas tres intervencións.
Comezaron por Monólogo do vello
traballador –“hoxe quizais deberamos cambiar a orde e falar de traballador
vello; e ao tempo, en vez de 50 anos sin sosego, mellor 50 anos sen cotización”,
comentaban con retranca- e proseguiron recitando Deitado fronte ao mar desde o atril de NovaGaliciaBanco do
escenario. “Gústanos estar aquí, é a proba de que o pobo pode estar por riba
dos bancos”, dicían entón, arrincando novos aplausos. Non serían os últimos,
pois houbo aínda unha terceira intervención na que vestiron aos versos de Celso
Emilio con música calypso.
Alumnas da ESAD de Vigo. |
Entremedias houbo varias intervencións de catro alumnas da Escola Superiorde Arte Dramática de Vigo: Laura Míguez, Paloma Saavedra, Melania Cruz e Rocío
Romero. Preparadas por Cristina Domínguez e Ricardo Solveira, levaron a
escena pezas inspiradas en poemas como Aire
puro, Consellos ou Longa noite de pedra. Inma López Silva, pola súa banda, recitou no acto o poema Credo.
Davide |
Alonso Montero. |
A primeira exclusiva da noite
chegou da man do profesor Xesús Alonso Montero, que emocionou ao público con
tres coplas políticas do ano 62 máis unha inédita que, segundo contou, o de
Celanova lle deixou a el. “É moi axeitada para os nosos días”, explicou antes
de cantar, marcando o ritmo con palmas sobre o seu propio peito, ‘aquí non podo
vivir, tanto cura, tanto frade e tanto garda civil’. “Tiña que cambiar de
xénero e hoxe é a primeira vez que canto en público. Nunca mo pediran en 83
anos, así que agora comeza unha nova etapa na miña vida”, subliñou provocando
as gargalladas do auditorio.
Seguíndolle a corrente, chegou a segunda exclusiva do acto, esta vez da man de Manoel Soto. “Eu recito en
público por primeira vez”, anunciou o ex alcalde de Vigo para pasar logo a ler
dous dos poemas que Ferreiro dedicou á súa dona Moraima. “Estou aquí en
calidade de amigo deles dous e dos seus fillos. Celso Emilio será alguén
inesquecíbel polos tempos dos tempos para o noso país”, sinalou.
Frans Banfield e Patricia Moon. |
Frans Banfield, arxentino fillo de emigrados galegos e radicado en Vigo,
musicou María Soliña, acompañado ao violín por Patricia Moon, que á súa vez
interpretou un tema propio ao piano. “Oxalá houbese mil Celsos Emilios por aí,
dando duro e facéndoo con arte, que é o que necesitamos”, dixo el.
Rexina Vega deu lectura a Poema
nuclear nun libro seu “de xuventude e parte da infancia” e, antes de que a
Coral de Beade puxese o punto e final ao acto, chegou outro que tamén fixo as
delicias do público: Luis Emilio Batallán. Recordou poemas que musicara no seu
celebrado Ahí ven o maio, pero tamén
doutro traballo do que asegurou que se sinte moi satisfeito pese a ter pasado
desapercibido, Ballet da nena. Máis
dun asistente acompañouno coas letras de Longa
noite de pedra e Notas necrolóxicas. Como propina,
un tema inédito.
Yolanda Castaño pechou a homenaxe incidindo en que a través desta quedara
demostrado que “as verbas de Celso Emilio continúan vivas, vixentes, mozas e
cunha saúde exultante”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario