Leer en castellano
Estes días, con motivo do crime de Santiago que causou a morte da nena de doce anos Asunta Basterra, estase a falar moito do papel dos medios de comunicación. Fixéronse cousas ben e, coma sempre, outras non tanto. Non é aí onde quero pór o acento, senón nunha consecuencia que tivo todo isto na Facultade de Ciencias da Comunciación de Santiago de Compostela da que fun estudante: a renuncia dunha docente de galego a impartir clases neste centro de estudos.
Estes días, con motivo do crime de Santiago que causou a morte da nena de doce anos Asunta Basterra, estase a falar moito do papel dos medios de comunicación. Fixéronse cousas ben e, coma sempre, outras non tanto. Non é aí onde quero pór o acento, senón nunha consecuencia que tivo todo isto na Facultade de Ciencias da Comunciación de Santiago de Compostela da que fun estudante: a renuncia dunha docente de galego a impartir clases neste centro de estudos.
Texto publicado por Hermida na súa conta persoal de Facebook. |
A profesora en cuestión é Carme Hermida, da que non fun alumna (aínda que si cursei a materia optativa de galego no primeiro curso da carreira, impartida aquel ano por outra mestra; e o mesmo coa obrigatoria de galego oral en segundo), e que non quere seguir ensinando nesta facultade porque non desexa ser partícipe da formación dos profesionais galegos do eido do xornalismo. Non son palabras textuais, pero é unha maneira (máis suave, por certo) de resumir o que se deduce do que escribiu: "Persoal e profesionalmente, non teño forzas para investilas na formación de persoas que sei que van converter en seres morbosos, manipuladores, mentireiros, desprezativos, pagados de si mesmos e irreflexivos".
Toda esta lista de adxectivos está a aplicarma a min, en calidade de licenciada por esta facultade. E a centos de persoas, caendo, para empezar, nunha xeneralización que, como ocorre con case todas -por definición-, resulta impertinente. Está a faltar ao respecto a todos os demais profesionais que ensinan na facultade de Xornalismo -considera inútil o seu cometido-, máis alá de desprezar, por sistema, o traballo de todos os medios de comunicación da comunidade (algo que seguramente, xa que se pon, debera facer extensivo a todos os do país)
Centrándonos no caso de Asunta, por suposto que se cometeron erros, e houbo morbo e mil cousas que deberan ser corrixidas. Agora ben, como apunta o Colexio Profesional de Xornalistas nun comunicado conxunto coa propia facultade e feito público hoxe (e con fondo crítico), "tamén se debe apelar ao bo traballo das ducias de xornalistas que se enfrontan ante a dura tarefa de informar dun suceso tan dramático".
Comunicado do CPXG e a Fac. de Ciencias da Comunicación da USC ante o tratamento informativo do caso de Asunta http://t.co/twuMZT59f5
— xornalistas (@xornalistas) October 3, 2013
Hermida fai fincapé no feito de que leva moitos anos desenvolvendo parte da súa labor profesional en Xornalismo. ¿Que pensaba do papel da prensa galega en todos estes anos? ¿Non atopou ningún traballo meritorio? ¿Tanto tardou en decatarse de que estaba a contribuír á formación de monstros* e de que non quería que así fose?
*Lembremos: mentireiros, morbosos, etc. etc.; monstros paréceme
un bo termo para sintetizar os trazos que enumerou.
Ademais de todo o anterior, supoñendo que estivese atinada nos seus argumentos, eu formularía a cuestión doutro xeito: como educadora que é, ¿que mellor que combater desde dentro o que non lle gusta do que ve? É dicir, se efectivamente se estivese a formar a monstros, ela ten a oportunidade, desde esas mesmas aulas, de probar algo distinto, de ensinar outra maneira de facer as cousas (aínda que sexa na materia de lingua galega, que pasa a ser secundaria ante a gravidade do que denuncia). Aínda que non servise de nada, mellor será facer o que estea na túa man que pasar do asunto, preocupándote só de desvincularte para que non salpique, digo eu. Isto, repito, no suposto de que o que di esta muller tivese pés ou cabeza, que coido que non é o caso.
Carme Hermida. Foto: Galicia Hoxe. |
E non é o caso porque nada do que di esta docente se ensina na facultade. En realidade, ensínase todo o contrario. Outra cousa é cómo se desenvolvan os feitos despois, e a evidencia de que pouco ou case nada do mundo que te atopas cando saes do ideal da facultade é semellante ao que ves nela -non sempre para mal, ollo-. É aí, seguramente, onde radica o problema.
Non me vou meter na vosa profesión nin na vosa facultade, pero eu creo que o que dixo é importante. Primeiro non creo que vaia contra os xornalistas, senón contra quen os dirixe. Aínda que non o di expresamente, eu entendo que son moi significativas e importantes as partes de "os obrigana a facer" e "va converter". Eu entendo que bota toda a responsabilidade enriba de quen manda nos xornalistas e fai que estes fagan un mal xornalismo. Segundo, creo que é importantísima a súa denuncia, así coma outras que saíron tamén de dentro do mundo profesional en cuestión. Os xornalistas con traballo teñen moi complicado alzar a voz en contra do que teñen que facer. Ti mesma criticas moitos programas da TVE, algúns con traballo xornalístico detrás, e non creo que a maioría dos xornalistas que se ven envoltos no sensacionalismos queiran facer o seu traballo así.
ResponderEliminarPenso que tes moita razón en que unha forma de evitar isto é educando na facultade, pero precisamente creo que ela se percata que o problema non está aí e, seguramente, iso de pedir dar clases noutra facultade non é outra cousa que facer presión para que a facultade de xornalismo tome medidas no asunto. E eu creo que son necesarias. Unha asociación de xornalistas, non recordo cal, xa dixo que hai anos que está listo un borrador para facer unha lei de ética para xornalistas que pretende evitar titulares como os vistos co accidente de Santiago e co tema de Asunta.
Dis que se nestes anos non viu ningún erro xornalístico... Seguro que moitos. Pero o problema é que nestes momentos a grado de sensacionalismo no xornalimo español é tal, que case non existe xornalismo serio. E por isto co tema de Asunta saltaron, POR FIN, todas as alarmas, e seguramente esta prefosora só quere prender unha mecha para cambiar as cousas e voltar a un xornalismo de calidade.
Paréceme moi necesario ser críticos, pero en absoluto nos termos en que ela o fai, cunha xeneralización a todo un colectivo ao que descalifica sen distincións e con termos realmente duros. Aparte de que a súa decisión de non dar clase na facultade atópoa ata infantil, por todo o que digo enriba (resumindo: "eu marcho, que non me vaia salpicar, que non se me relacione con iso") e porque mostra un gran descoñecemento do que se alí se ensina.
ResponderEliminarCasos coma este sacan o peor do xornalismo, pero tamén é o que a xente máis le e ten máis visibilidade. Isto non xustifica o morbo e demais, o que quero dicir é que hai moitas reportaxes, artigos e traballo ben feito todos os días que á maior parte da xente non lle interesan. Así, o que ten visibilidade e co que queda a opinión pública é coa parte mala que, como digo, é máis visible. Pero unha profesional que é docente e que traballa na facultade non debera simplificar tanto as cousas: "mentirosos, morbosos, manipuladores...". O que critico dela son as formas.
Se les o comunicado da facultade e do colexio, é moi crítico tamén. Pero faino doutra maneira, para min, moito máis atinada.