sábado, 20 de octubre de 2012

'Rabat', triunfadora na X edición de Amal

A edición de 2012 do Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal chegaba hoxe á súa fin cunha celebración por todo o alto do seu décimo aniversario en forma dunha gala de clausura que tivo por escenario o Teatro Principal de Santiago de Compostela. Con Xosé Manuel Piñeiro como mestre de cerimonias, a película de ficción Rabat, de Jim Taihuttu e Victor Ponten, resultou a gran triunfadora da noite ao figurar o seu título ata tres veces no palmarés.


El documental Rabat recibió tres premios en el Festival Amal
Rabat levou tres distincións deste Amal 2012.

E tres foron as veces que desde Santiago se conectou vía Skype con Ámsterdam, onde un dos responsables da cinta deu as grazas polos recoñecementos -mellor actor para Achmed Akkabi, Nasrdin Dchar e Marwan Kenzari; director e longametraxe de ficción-. "Sabemos que o cine holandés non é coñecido por producir boas películas, pero traballamos por cambiar isto de cara ao futuro. Este premio anímanos a seguir facéndoo", explicou tras saberse merecedor do último dos galardóns acadados. Nunha intervención anterior, bromeara con que non puidera estar presente polo caros que son os voos, comentario que foi recollido por Piñeiro e polo alcalde de Santiago, Ángel Currás, unha das autoridades presentes e encargadas das entregas, que prometeu "buscar ese enlace con Holanda".


Sur la planche, premio especial en Amal
Sur la planche emitirase na TVG tras facerse co seu premio especial.

Antes, o resto dos premios repartíranse entre os traballos Ensemble, de Mohamed Frekane (mellor curtametraxe de ficción); Le thé ou l'electricité, de Jérôme le Maire (mellor longametraxe documental); Eid, de Saaheb Collective (mellor curta documental) e Sur la planche, de Leila Kilani, que levou o recoñecemento á mellor actriz (Soufia Issami)e maila distinción especial da Televisión de Galicia -entregada pola súa directora Rosa Vilas-, o que implica a compra dos seus dereitos por parte da canle pública para a súa emisión.


El juego de la corrupción ganó el Reto Amal Express
Fotograma da curta gañadora do reto Amal Express,
El juego de la corrupción.

A maiores, os vencedores do Reto Amal Express, consistente en facer realidade unha curtametraxe dun máximo de cinco minutos en 96 horas partindo dunha palabra común -corrupción resultou escollida desta volta-, foron Rafael de Ramón Herrera e Álvaro Menéndez con El juego de la corrupción, que recolleron o premio das mans do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan José Casares Long. Sen embargo, o proxecto preferido polos internautas foi Tabú -itre$de Laura e Guille Vázquez. O recoñecemento especial do público recaeu en Sherezade et le délice casher, de Agnès Caffin.


Sanâa Alaoui preside el jurado de la X edición de Amal
A presidenta do xurado eloxiou a enorme calidade
dos filmes participantes no seu conxunto.

Na gala houbo tempo para o agradecemento aos voluntarios, e para intervencións coma a de Anxo Quintanilla -en substitución do Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfondo Cabaleiro, que non puido finalmente acudir e cumprir co guion previsto-; a da presidenta do xurado, Sanâa Alaoui, que subliñou a grande calidade de documentais a concurso e a dificultade de elixir aos mellores, e a do director do Festival, Ghaleb Jober Martínez, que fixo fincapé no rápido que pasaron estes dez anos e na pegada que xa deixou este evento na cidade de Santiago de Compostela. "Pase o que pase no futuro, iso xa non o borra ninguén". 

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada