sábado, 20 de octubre de 2012

Entrevista a María Mera, actriz e xurado de Amal: "O que teñen en común todas estas historias é unha mensaxe de esperanza"


María Mera (Boqueixón, 1986) leva feito moitas cousas malia a súa xuventude. Pero a esta moza  -actriz; reporteira e presentadora; licenciada en Turismo e estudante de Xornalismo-, que dá vida á Vanesa de Matalobos, quedáballe por facer unha na que vén de estrearse estes días grazas ao Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal: formar parte do seu xurado. Conta que foi unha experiencia enriquecedora que cambiou a súa percepción do mundo árabe e na que estivo acompañada polo filólogo, guionista e impulsor do Festival de CansAlfonso Pato; o codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria, Jesús Núñez Villaverde; o cineasta exipcio Khaled El Hagar; o xornalista Tahar Houchi, e maila intérprete francesa de orixe marroquí Sanâa Alaoui, encargada de presidilo. Como resultado das súas deliberacións, un palmarés que se dará a coñecer esta noite (Teatro Principal de Santiago de Compostela, 20.00 horas) nunha cerimonia de clausura que contará coa actuación musical de Marcos Teira.


A actriz galega María Mera é xurado de Amal
A actriz galega María Mera -natural de Boqueixón, aínda que medrou en
Vedra-, aceptou formar parte do xurado da décima edición de Amal,
 o que considera "unha grande responsabilidade". Imaxe: mariamera.com

-¿Como xorde a súa participación como xurado no Festival Amal?
-Na edición pasada xa me deran a oportunidade de conducir a gala de clausura, de aí que desta volta se me propuxese ser unha das integrantes do xurado en calidade de actriz galega. Eu xa estivera outros anos e coñecía o festival,  pero desde a perspectiva dunha espectadora máis. Agora foi cando realmente puiden empaparme de Amal e participar do seu funcionamento e desenvolvemento interno.

-¿Ata que punto lle resultou difícil valorar os traballos que concorreron na sección oficial?
-Supuxo un reto enorme, xa que se trataba de ver e avaliar 31 películas internacionais cun grande nivel, como demostraba xa o feito de ter sido seleccionadas finalistas. De súpeto enfróntaste a esa cantidade de traballos, en árabe e con subtítulos, que contan grandes historias nunha hora e media ou dúas, e sentes unha enorme responsabilidade que, ao mesmo tempo, tamén tiña moitas ganas de asumir.


"Estes documentais amósannos a xente que nunca se rende, 
que xa non é que se erga deseguido, é que non se deixa caer"

Khaled El Hagar, Alfonso Pato, Jesús Núñez Villaverde, Sanâa Alaoui e Tahar Houchi
Xunto a Mera, os encargados de decidir os gañadores dos premios
do festival, que se entregan esta noite, foron Khaled El Hagar, Alfonso Pato,
Jesús Núñez Villaverde, Sanâa Alaoui e Tahar Houchi.

-¿Foi complicado acadar os acordos entre os compoñentes?
-Nalgunhas categorías tivemos claro que documental era o que merecía levar o galardón, noutras había opinións algo dispares e precisamos dunha deliberación máis complexa. Ao sermos profesionais de distintos ámbitos, ás veces non nos fixamos ou non centramos a atención nos mesmos aspectos, de maneira que resultamos complementarios. É enriquecedor escoitar ao outro e mesmo que ao facelo chegue a cambiar o teu punto de vista inicial; serviume para aprender moito e foi una experiencia moi bonita.

-¿Cal é a súa impresión xeral das películas e que foi o que máis lle chamou a atención?
-O balance é moi bo. A verdade é que me sorprenderon no seu conxunto, porque no fondo de todas hai unha mensaxe común, a da esperanza e a capacidade de loita dunhas persoas que, pese ao grande sufrimento que padecen, non se renden xamais. Tanto ten que lles tiren a casa abaixo, que deseguido están a poñela de novo en pé. Isto lévate a pensar como nós sufrimos depresións por causas insignificantes en comparación co que viven eles, que xa non é que se ergan de inmediato, é que nin sequera chegan a caer; aceptan que a súa vida é esa e loitan de xeito incansable por repoñerse unha vez tras outra e sen deixar de lado o humor. Películas coma Le cochon de Gaza ou Bromas aparte impactáronme especialmente.


"A información que recibimos a diario do conflito entre Israel e Palestina 
dista moito do que nos ensinan cando o contan en primeira persoa"

Mera presentou a clausura da novena edición de Amal
María comezou a súa relación profesional co festival -que xa coñecía coma
espectadora- cando presentou a cerimonia de peche da pasada edición.
Este ano, na décima, da un paso máis a converterse en xurado.

-¿Cambiou a súa perspectiva do conflito entre Israel e Palestina tralo visionado destas cintas?
-Coido que si. Todos temos unha idea do que ocorre a través dos telexornais e da información diaria que nos chega por distintas canles, basicamente por Internet. Pero dista moito do resultado de ter acceso a proxectos onde quen o conta é a propia xente de alí, que o amosa tal e como é e como eles o experimentan en primeira persoa. Con estes documentais ábrense novas portas e novos puntos de vista moito máis fieis ao que acontece e, loxicamente, con menos marxe de erro.

-¿Como valora a resposta do público ante este evento?
-Penso que foi, unha vez máis, formidable, igual que o festival no seu conxunto, coas películas e mailo resto de actividades paralelas. Supón unha oportunidade de ver reflectida a cultura árabe tal cal é, cos seus trazos positivos e aqueles que non o son tanto. Ademais, os espectadores agradeceron moito, aparte de gozar das películas, o agasallo de ter despois ocasión de conversar cos directores, transmitirlles dúbidas, coñecer máis a fondo os proxectos e descubrir de primeira man máis detalles sobre o que hai detrás deles.


"Vanesa (Matalobos) non é unha personaxe calquera; ten mil caras e iso, 
a nivel interpretativo, é un regalo que me permite aprender moitísimo"

María Mera é unha das protagonistas de Matalobos, TVG
María Mera acadou grande popularidade en Galicia coa serie de Voz Audiovisual
 Matalobos, de cuxo reparto forma parte no papel de Vanesa Viaño desde a primeira
tempada, estreada en abril de 2009. Na actualidade emítese a quinta (martes, 22.45
horas na TVG), que segue a contar co favor do público ao igual que as precedentes.

-Ese público, o galego, coñécea principalmente pola súa personaxe de Vanesa na ficción da Televisión de Galicia Matalobos. ¿Que supuxo -e supón- esta serie para vostede?
-Foi un regalo resultar escollida naquela proba. Tratábase do meu primeiro papel televisivo -antes fixera teatro- e non é un calquera, lineal coma outros, senón que ofrece moitísimas caras e, a nivel interpretativo, é unha marabilla. Vanesa comezou coma unha nena e agora é unha muller: tivo todo tipo de problemas, caeu na droga e saíu, casou, é nai dun fillo... Aprendín moitísimo neste tempo. Hai unhas semanas estreouse a quinta tempada, que xa rematamos de gravar, e a resposta está a ser moi boa, coma sempre; oxalá ese éxito permita que poida haber máis.

-¿Como ve a realidade actual do sector audiovisual galego?
-Está todo moi parado, pero coma en tantos outros. Faltan os cartos e, a partir de aí, é a pescadiña que morde a cola; é algo que decepciona e, falando de Amal, poderíamos dicir que falta esperanza -a palabra que dá nome o festival ten precisamente ese significado-. Eu agora estou rematando a carreira de Xornalismo e colaborando os venres no Luar. Levo un par de anos presentándome a algúns castings fóra sen sorte polo momento; se sae algo, benvido sexa, aínda que, se de min dependese, non consideraría a posibilidade de deixar Galicia.


"Nunca pensei dedicarme a isto; comecei gañando un concurso
de modelos ao que non quería presentarme"

A actriz en Acompáñenos e Luar, entre outros
Distintas imaxes da polifacética intérprete: no programa Acompáñenos (2008,
xunto a Xosé Manuel Piñeiro e mailos que daquela eran os seus compañeiros reporteiros
neste espazo: Ricardo Pardo, Alba Lago, Diego DuránJavi Rocha); a carón de David Bisbal na
 V Gala Panorama contra o cancro que presentou hai uns meses; con Gayoso recentemente
en Luar; no programa Criaturas en 2009 coa súa egua; desfilando na Galicia Fashion
Week
2010 e exercendo as tarefas de presentación da mesma este verán.
Tamén foi pregoeira de varias festas nos últimos anos.

-¿Sempre soubo que quería ser actriz?
-Para nada, nunca pensara niso. Empecei aos dezaseis anos pola insistencia da miña tía para que me presentara a un concurso de modelos; non ía moi convencida, non me facía demasiada graza, pero fun e gañei. A partir de aí apunteime a unha axencia de modelos e xurdiron as primeiras oportunidades de traballar de modelo e azafata en televisión, ata que, como extra en Libro de familia e outras series de aquel momento, deime de conta do interesante que era este mundo. Despois diso veu o teatro, os castings e cantidade de "non" antes do "si" de Matalobos, que foi coma un soño.

-Dicía que estuda xornalismo, ¿cal das súas facetas lle tira máis?
-Gústame tanto actuar coma presentar, penso que para todo hai un momento. Traballei coma reporteira en Localia e no programa Acompáñenos -presentado por Xosé Manuel Piñeiro na TVG entre 2007 e 2009- e tamén me sentín moi a gusto, os estudos de Xornalismo enténdoos como complementarios para esa faceta. Tal e como está a situación, os dous mundos resultan igual de complicados, e a formación nunca está de máis. Os actores adoitamos ter épocas de parón nas que non chegan proxectos e considero que é bo, non digo facer vinte cousas a un tempo, pero si máis de unha para abrir novos camiños.


Entradas relacionadas: 
-Entrevista a la cineasta Nefise Özkal Lorentzen: "En mi lengua no hay 'él' y 'ella', Dios no tiene por qué ser hombre"
-Entrevista al cineasta argentino Hernán Belón: "El mundo árabe sigue siendo esconocido".

2 comentarios:

  1. Simply desire to say your article is as astonishing.

    The clearness for your post is simply excellent and that i can suppose you are
    knowledgeable on this subject. Well with your permission let me to grasp your feed to
    keep up to date with imminent post. Thank you one million and please continue the enjoyable work.


    Here is my web page loathly

    ResponderEliminar
  2. Do you have a spam issue on this site; I also am a blogger, and I
    was wondering your situation; we have created some nice practices and we are looking to trade
    methods with others, please shoot me an email if interested.


    Here is my webpage buy real twitter followers

    ResponderEliminar