jueves, 25 de octubre de 2012

Afouteza e corazón

Estes días, coa iniciativa xurdida para que os afeccionados celestes entoemos o himno do noso equipo no derbi contra o Deportivo de La Coruña -o primeiro en cinco anos que se disputa na máxima categoría do fútbol español-, lembreime de como e cando aprendín eu eses versos que adoitan soar en Balaídos interpretados por A Roda, e que desde entón eu cantei sempre que fun ao estadio (que non me supón agora novidade ningunha, vaia).

E acordeime de que hai uns meses, ordenando cousas no faiado, atopei un documento único que quero plasmar aquí e que é o culpable de que aprendese a letra, alá polo ano 97 ou 98, cando tiña uns dez anos e empezaba a interesarme polo Celta:


"O teu lema é nobre xogo, afouteza e corazón"
Letra e música do himno do Celta, cuxos versos aparecían tamén escritos
-aínda que con múltiples erros lingüísticos- na camiseta oficial da pasada tempada.


Era o 75º aniversario do clube e dérannos unha charla na escola de cuxo contido non podo dicir que me lembre, aínda que si sei que a cousa ía de fútbol e música (organizaba tamén Mayeusis), de aí a outra parte do folleto: Eggen, Djorovic, Josema, Juan Sánchez, Berges, Patxi Salinas, Revivo, Bruno Caires, Ito, Dutruel ou Geli, entre outros, e por suposto, os inesquecibles Mazinho, Karpin e Mostovoi, rodeados de instrumentos musicais (e acompañados tamén polos daquela adestrador e presidente, Irureta e Horario Gómez, e o entrañable Alvarito).


Especial 75º aniversario del Celta de Vigo 1998
Unha campaña do Celta en colaboración con Mayeusis e o Concello de Vigo
achegaba ao equipo aos escolares na tempada 97/98, repartindo folletos
coma este que conservo quince anos despois.


Naquela época, só tiñamos un xogador galego -que, de feito, posaba coa gaita- que non había durar moito máis no equipo, Míchel Salgado -fichou en 1999 polo Real Madrid, onde permaneceu unha década-. Agora, independentemente do resultado do sábado -cando moitos cantaremos o himno como o facíamos hai quince anos e sempre-, ese partido gañámolo por goleada; queda ver se hai sorte co outro...


Dani Abalo, Iago Aspas, Andrés Túñez, Borja Oubiña, Álex López, Toni Rodríguez, Sergio Álvarez, Jonathan Vila, Jonny, Rubén Blanco, Roberto Lago
Dani Abalo, Iago Aspas, Andrés Túñez, Borja Oubiña, Álex López,
Toni Rodríguez, Sergio Álvarez, Jonathan Vila, Jonny, Rubén Blanco e
Roberto Lago (falta nesta imaxe Hugo Mallo) son os canteiráns do
primeiro equipo do Celta, posando onte para os medios. Foto: Marca.





-Entrada relacionada: De derbis, provocaciones, buenos y malos (reflexións previas ao derbi da primeira volta disputado en Riazor en novembro do ano pasado cando ambos conxuntos militaban na Segunda División ou Liga Adelante). 


*Actualización 9/2/2014: As palabras que daban nome a esta entrada figuran desde hoxe na lona de Balaídos que substitúe á anterior, onde aparecían as facianas dalgúns dos xogadores máis importantes na historia do clube.



"Afouteza e corazón" no exterior da grada de Tribuna
do estadio de Balaídos. Foto: Manuel Bragado @bretemas

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada