A maioría das entradas neste blog teñen moito de crítica e queixa. Hoxe fago unha excepción para falar do desfile que abría na tarde de onte un Entroido, o vigués, que, sen ser dos máis populares, merece tamén recoñecemento. Máis de 2.000 persoas repartidas en 32 comparsas desfilaron ao ritmo da música. Mención especial para o Ai se eu te pego, que a falta de ser canción do verán pola súa época de lanzamento, converteuse sen dúbida no tema do noso Carnaval -con permiso da que si foi canción do verán, Danza Kuduro-, soando en varias comparsas.
Unha delas, ademais parafraseaba o título co seu "Ai, se me opero" -recollendo a testemuña da parodia do programa da TVG Tourilandia-, a través dunha recreación crítica da situación actual da sanidade, así como a un pasado ao que estamos a volver e, en consecuencia, a un futuro pouco esperanzador. Máis crítica da man do conflito polo parque eólico Serra do Galiñeiro: "Máis carballos e os muíños ó carallo", rezaba outra carroza.
Máis música coas comparsas de Grease e de "Mira quen canta", que contaba coa presenza de Tina Turner, Elvis, Madonna, Celia Cruz ou Stevie Wonder, entre outros. Non faltaron as froitas, espantallos, pitufos ou animais de todo tipo ("Hakuna matata, vive e se feliz", era o lema dunha destas últimas), disfraces detrás dos cales se agochaban persoas de todas as idades pero coas mesmas ganas de festa. Houbo bicis, xigantes zancudos, representantes de civilizacións e épocas pasadas, unha parodia de Avatar e ata unha limusina. Tampouco quixeron perder o desfile as "Carolinas" de Matamá, cos correspondentes lagartos nas súas saias.
Outra das riquezas do Entroido vigués vén dada pola representación internacional, da man dos colectivos de inmigrantes procedentes de países coma Uruguai ou Bolivia, entre outros, con traxes tan vistosos coma os de tipo brasileiro que nunca faltan neste desfile.
Houbo tamén unha pequena parodia por parte da comparsa da Travesía de Vigo aos arquicoñecidos carteis de Alcaldía de Abel Caballero. Pero estes non quitaron o sorriso ao rexedor da cidade, que se deixou ver nun desfile austero que foi en si mesmo un exemplo da mensaxe, positiva pero non exenta de reivindicación, dunha das comparsas: "Menos lobos e máis bosque animado".
No hay comentarios:
Publicar un comentario