Hoxe tiña que ser -segue a ser malia o que vou contar, de feito- un día de celebración para os que quixemos que houbese versión de Twitter traducido ao galego igual que no resto das linguas cooficiais de España. Un grupo no que me inclúo* (aclaración ao final deste post). Pero estamos en precampaña electoral -golpeada hoxe, por certo, pola noticia da detención do alcalde socialista de Ourense, Francisco Rodríguez, na que deu en chamarse Operación Pokemon- e o partido de Goberno non puido resistir a tentación de "apuntarse un tanto", como se adoita dicir, aproveitando esta noticia. Así foi como souben eu do tema:
Conversa entre os resposnables da conta que promoveu a campaña e os do perfil oficial da Xunta de Galicia. |
A conta que leva máis dun ano reivindicando que existise unha versión en galego a disposición dos usuarios de Twitter que quixeran facer uso dela de seguido rexeitou a nota de prensa na que a Xunta parecía querer atribuirse boa parte dun mérito que, denuncian, non ten. "O twitter falará en galego grazas a una -aquí debería poñer unha- campaña respaldada -o verbo respaldar non existe en galego- pola Xunta de Galicia", reza o titular do texto dispoñible no sitio web da administración galega. E as respostas dos usuarios non se fixeron esperar:
Tuits de galegos criticando a actitude da Xunta.
Premendo nas imaxes pódense ver nun tamaño maior.
Premendo nas imaxes pódense ver nun tamaño maior.
A cousa resulta aínda máis curiosa se lembramos unha nova publicada onte no diario El País: Los móviles de sus señorías ya no hablarán gallego. El Parlamento renovará el contrato de telefonía sin inlcuir ese requisito. En resumo, como dicían en Balaídos, coma sempre, o de sempre. Nese caso polo ¡Hala Celta! -déixoo escrito xa de cara ao partido do sábado contra o Getafe-; neste, por arañar todos os votos posibles e sexa como sexa -aínda que, despois do acontecido hoxe, coido que a Feijoo non lle ía facer falta...-.
As persoas que queiran colaborar como tradutores voluntarios nalgunha das 16 novas linguas de Twitter entre as que se atopa o galego pode facelo nesta ligazón. |
*Aproveito para lembrar que hai meses, precisamente reivindicando eu isto cun dos hashtags propostos durante o tempo que leva en marcha a campaña, un usuario dirixiuse a min dicindo que non tiña sentido defender o Twitter en galego se non era a lingua que eu empregaba nesta rede -si que o fago en ocasións, do mesmo xeito que neste espazo-. ¿Acaso un non pode defender o matrimonio gay se non é homosexual? ¿Non se pode defender que exista un dereito independentemente de que o vaias exercer ou non? Pois iso, aínda que a miña relación co galego xa a expliquei aquí hai tempo e non me quero repetir, que xa o fago abondo!
No hay comentarios:
Publicar un comentario