martes, 20 de septiembre de 2011

Unha lingua, un privilexio

Leer en castellano

Non adoito pensar en galego. Non é a miña primeira lingua, certo, non o nego. Pero si teño a sorte de sentir que é tamén a miña lingua. E gústame ser quen de falala –mellor ou peor-, ler e escribir nela. E non o digo só o Día das Letras Galegas, que tamén.




Todo isto é grazas, por exemplo, a escoitala a alguén que nunca empregaba outra  como era meu adorado avó –aínda que esa palabra normativa probablemente non saíse nunca na vida dos seus beizos-. Pero tamén é grazas a que tiven a oportunidade de estudala, non só na propia clase de galego -bendito Coñecemento do Medio-, de ler libros nela –porque non soa igual A lingua das bolboretas que La lengua de las mariposas- e de escoitala nos medios de comunicación –qué neno, por castelanfalante que fose, non vía (e entendía!) Doraemon ou Son Goku no Xabarín Club nos 90-. Cousas, todas estas, que van a menos, que semellan estar en perigo. Coma a propia lingua en si. 


Manifestación Queremos Galego 2009
Manifestación en defensa do galego en 2009

Porque estas sensacións miñas teño a impresión de que hai moita xente que non as comparte. Ou de que a que si o fai non é abondo. Peor para eles, e o que é peor: peor para todos. Porque de súpeto esoito a  ¿xornalistas? de canles de ultradereita insinuar que nas comunidades cunha lingua propia temos mentes pechadas, que nos illamos e só nos afanamos en aprender o noso. E escoito tamén menosprezar á eurovisiva Lucía Pérez por rematar a actuación cun “moitas grazas” cando, na miña opinión, foi o mellor que fixo aquela noite. E no medio pechou Vieiros, e a edición en papel de A Nosa Terra, e proximamente a dixital de Xornal, que é o que me levou e escribir estas liñas. Unha mágoa.

1 comentario:

  1. Cando publiquei este post tiña un erro do que me decatei e corrxín. Escribira "a edición dixital de A Nosa Terra" cando a que desaparecera hai uns meses era a de papel. Hoxe, tristemente, a frase orixinal xa non sería equivocada...

    ResponderEliminar