domingo, 17 de mayo de 2015

Eles tamén cantaron en galego

Cando preparaba a entrada anterior tiña inicialmente un apartado de extras con artistas non galegos que interpretaran algún tema nesta lingua. Pero, por unha banda, empecei a atopar un número moi amplo de exemplos que alongaban demasiado o texto e, por outra, a proximidade do Día das Letras Galegas, que se conmemora hoxe, animáronme a facer un post específico sobre esta cuestión (aínda que a miña primeira intención era repasar a historia da ficción televisiva galega, algo que queda agora para máis adiante). Había tempo que non redactaba unha entrada en galego e que conste que o de unha vez ao ano non me gusta nada, así que me propoño escribir de maneira máis cotiá na miña segunda lingua; "segunda", pero sobre todo "miña". ¡Feliz Día das Letras!

Relacionado: Con ritmo galego


  • Joan Manuel Serrat - Anduriña. Encántame escoitar a Joan Manuel Serrat -un artista que soou na miña casa toda a vida- cantando en galego Anduriña a dúo con Juan Pardo. É unha versión moi bonita e que, aínda que ten tempo, descubrín hai aínda poucos anos.






  • Manolo Escobar - Carmiña, Carmela. Vai quedar claro con este post que Luar é unha mina para o tema que nos ocupa. Alí, algúns dos artistas máis coñecidos deste país probaron sorte co galego especialmente no peche do programa, no que os invitados interpretaban nunha época Apaga o candil e noutra A Rianxeira (creo que hoxe xa non se fai, pero non estou segura). Neste caso, o xa falecido Manolo Escobar, que seguro que tamén entoou os outros, atrévese con Carmiña, Carmela.




  • Noa - A lavandeira da noite, con Carlos Núñez. En xeral, os compoñentes desta lista son españois non galegos, pero tamén hai casos de estranxeiros. Escoitar unha voz coma a de Noa cantar en galego é un privilexio. Fíxoo coa peza tradicional A lavandeira da noite da man dun Carlos Núñez que tamén acompañou a súa gaita anos antes da voz da portuguesa Anabela. Engado á tamén lusa Dulce Pontes.








  • Marifé de Triana e Alejandro Sanz - A Rianxeira. Este vídeo foi subido polos seguidores de Marifé de Tirana, de aí que dure oito minutos e inclúa gran parte que non nos interesa. É desde o minuto 5.47 cando un noviño (e tímido) Alejandro Sanz trata de cantar A Rianxeira. Desde o 6.44 é a propia Marifé de Triana a que se anima.






  • Los del Río e King África - Apaga o candil. De novo en Luar, e comezamos xa co mítico candil. Neste caso podemos escoitar este tema ao máis puro estilo King África e logo a dúo con Rafael Ruiz e Antonio Romero, Los del Río. Que momentazos nos deixou -tamén aparte das chamadas para poñelo a parir- o programa de Gayoso...





  • Love of lesbian - Shiwa. Neste caso, o conxunto catalán non interpreta un tema galego, senón un seu traducido á lingua de Rosalía co que teñen deleitado aos seus seguidores en varios concertos en Galicia. Este é o resultado:










  • Alaska e Marta Sánchez - Apaga o candil, Quen puidera namorala. Aquí vemos como a Olvido Gara se lle resiste un pouco a letra, pero defende moi ben o Candil, igual que unha Marta Sánchez que é galega de nacemento, pero no relativo ao seu dominio da lingua e coma se non o fose. A ferrolá tamén fixo versións doutros temas, como é o caso dunha das miñas composicións en galego preferidas, Quen puidera namorala.







  • Paloma San Basilio, con Amancio Prada - A Rianxeira. Moi bonita versión da Rianxeira a de Paloma San Basilio a dúo con Amancio Prada. Con permiso do Candil, esta canción é a segunda máis repetida nesta recopilación. Súmolle tamén Lela, con Rosa Cedrón.






  • Ismael Serrano - Chove en Santiago, con Luar na lubre. Fermosa canción e fermosa versión a que fai Ismael Serrano en compañía de Sara Vidal, daquela solista do grupo Luar na lubre en substitución de Rosa Cedrón.











  • David Bustamante - Apaga o candil. A simpatía e don de xentes de Bustamante, gústenos a súa música ou non nos guste, creo que é indiscutible. E o demostra o feito de que o home de Paula Echevarría seica aprendeu o Candil en Luar (primeiro vídeo) e tempo despois animouse a cantar un anaco polo menos nun concerto seu en Galicia (segundo vídeo, en Vigo). Aquí supostamente canta un popurri de temas galegos coa orquestra Panorama, pero o certo é que non vexo que abra a boca.











  • Lolita Flores - Anduriña. Gran admiradora declarada de Serrat como é, Lolita tampouco se resistiu a cantar Anduriña. ¿Onde? Onde se non... No Luar.




  • Rosa López - Alecrín. Aquí temos á gañadora da primeira edición de Operación Triunfo interpretando o tema Alecrín primeiro en solitario e despois cunha das voces galegas máis importantes, a de Rosa Cedrón.






  • Rocío Jurado - Apaga o candil. Case máis que a grandísima voz de Rocío Jurado me chama a atención deste vídeo que alguén se tomase a molestia de traducilo. Nin que fosen tan dificiles de comprender as verbas de Gayaso (Jurado tampouco era galega e ben que entendía). Pero en fin, detalles á marxe, impresiona escoitar á coñecida como "La más grande" defendendo este tema (desde o 3.52, e en solitario desde o 4.15).





  • El Consorcio -  A Rianxeira. Nova versión deste tema, o mesmo que se escoita nas grandes tardes do estadio de Balaídos, neste caso a cargo do grupo El Consorcio. 





  • Gisela - Os teus ollos, Camariñas, Himno galego. Vemos que son uns cantos os triunfitos que teñen interpretado temas galegos. Tamén o fixo Gisela con Os teus ollos (Luar na lubre), Camariñas ou mesmo co Himno Galego. E soa ben bonito.










  • Bruce Springsteen - A Rianxeira. Quen verdadeiramente cantaba neste concerto do 2009 en Santiago de Compostela era o público, pero non deixa de ser un momentazo e un gran detalle por parte da estrela e da súa banda facer soar os acordes desta composición ante o público galego.




  • Ana Belén, con Milladoiro - Moraima. Estame servindo este post para coñecer moitas versións que non coñecía. Non sabía que Ana Belén tamén cantara en galego, pero fíxoo polo menos neste tema, Moraima, acompañada por Milladoiro.






  • Peret e Los Amaya - Apaga o candil. Vai ser un pouco repetitivo este tema, pero menos é nada. Neste caso Los Amaya e Peret non cantan ao final do programa xunto co resto de participantes, senón que fan unha versión propia moi orixinal e persoal, pero mantendo a lingua galega.







  • Sergio Dalma - O tren. Mudamos de tema. Sergio Dalma versionou O tren, tema mítico de Andrés Dobarro que non queda nada mal na súa voz.





  • Soraya Arnelas, con Lucía Pérez e con Susana Seivane  - O verdegaio. Polo nome non identificaba o tema, pero é outro dos míticos populares galegos este que versionaron xuntas as eurovisivas Soraya Arnelas y a lucense Lucía Pérez. Máis tarde interpretouna tamén con Susana Seivane.









  • Angy - Na beira do mar. Unha das más novas desta lista (a que máis, se non me equivoco) é Angy, que tamén pasou por Luar para interpretar Na beira do mar con Tania Fuegho.






  • David Civera - Arroz con chícharos, Catro vellos mariñeiros. Acabo de descubrir que o autor de Que la detengan ou Dile que la quiero ten cantado en galego en varias ocasións e ata hai un usuario de Youtube chamado "David Civera en TV Galicia". Aí van algúns exemplos (no caso de Arroz con chícharos, con Los del Río).










  • Juan Perro - A Misteriosa. Non identifico o primeiro tema, pero si queda claro que Juan Perro canta en galego nese vídeo correspondente a un concerto ofrecido en Santiago de Compostela e que non foi a única vez.









  • Chenoa - Héroes sen nome, con Lucía Pérez. O tema que cantan a dúo Chenoa (que interpreta parte en castelán, pero tamén pronuncia frases en galego) e Lucía Pérez foi composta en homenaxe ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois que tivo lugar en xullo de 2013.






  • El Fary - Apaga o candil. Volta ao tema protagonista por excelencia deste post. Corría o ano 1995 cando se grabou o programa do vídeo, aínda que non me cabe dúbida de que El Fary visitou o espazo en moitas máis ocasións. Foi tamén, é inevitable lembralo, o programa onde o mataron pouco antes de que morrese de verdade.





  • Manu Tenorio, con Maret - Costureiriña bonita. Non sabía eu que había tantísimas versións de temas galegos a cargo de concursantes de OT. Aquí, a aportación de Manu Tenorio:



  • Natalia - Eu chorar, chorei. Outra triunfita e outra versión que lle hai que agradecer a Luar. Neste caso é Natalia Rodríguez, de OT 1, e interpreta Eu chorar, chorei, outra das máis coñecidas cancións populares galegas e que aínda non aparecera por aquí.







  • Julio Iglesias - Un canto a Galicia. Non é santo da miña devoción (todo o contrario), pero non podía deixar fóra a Julio Iglesias, de ascendencia galega, e ao seu famoso tema Un canto a Galicia. Meto no mesmo saco, porque tampouco podo con el e porque se trata da mesma canción, a Bertín Osborne versionándoa en Luar.










  • Manu Chao - Eu chorar, chorei; Milagreira; Carreteiro. Igual que no caso anterior, Manu Chao tamén é descendente de galegos. Aquí escoitámolo cantar Eu chorar, chorei e un par de pezas máis








  • Modestia Aparte - Miña terra galega, con Siniestro Total. Déixoa para o final porque só ten unha frase en galego, pero aí queda. Tamén Chenoa cantou esta.








3 comentarios:

  1. La primera canción en gallego que escuché fue "Xuntos de Juan Pardo.No sabía que la compuso para el PP. ¡Me ha dejado de piedra descubrirlo!


    Una duda,cómo puede tener tanta audiencia "Luar" después de tantos años?
    No lo he visto entero nunca,pero por los fragmentos de youtube se parece mucho a "Noche de fiesta". ¿Me equivoco?

    ResponderEliminar
  2. No sé qué decirte, no creo que sea comparable con 'Noche de fiesta'. 'Luar' es un programa que da cabida al baile y a la música tradicionales gallegos y eso a la gente mayor -sobre todo- le gusta mucho. Y conjuga eso con las actuaciones de artistas de todos los estilos, como se ve aquí, desde Alejandro Sanz a Rocío Jurado. Diría que todos los artistas con cierto éxito de España han pasado por allí, y la mayoría muchas veces. No es lo que se diría un programa moderno, pero tiene su público. La caspa de 'Noche de fiesta' yo no se la veo (aunque jamás he visto el programa entero -ni uno ni otro, en realidad-, pero sí creo que suficientes trozos a lo largo de todos estos años).

    ResponderEliminar
  3. Hay programas de copla muy parecidos en Canal Sur y tienen mucho tirón entre la "gente mayor" de Andalucía (mi abuela María no veía otra cosa).
    Incluso María del Monte tuvo varios "programas de variedades" con gran protagonismo del "cante y baile popular".El último fue "La tarde con María (2007-2009)".
    Lo que triunfa allí en ningún otro sitio de España,es digno de estudio.jaja

    ResponderEliminar