Gústame conmemorar aquí o Día das Letras Galegas que se celebra hoxe do meu xeito particular. Hai dous anos con este post, e hai un con este outro. Nesta ocasión vou repasar unha serie de termos e expresións galegos que se usan en castelán. É unha mostra da convivencia das dúas linguas, ata o punto de que nalgúns casos os galegos levamos grandes sorpresas cando sabemos que certas palabras que sempre utlizáramos en castelán non existen nesa lingua. É, pois, un post a modo de curiosidade (non de crítica nin de talibán da lingua -ou quizais si...-). Non descarto que haxa casos que cumpren esta premisa sen que eu teña aínda coñecemento.
Collo prestada esta ilustración con palabras galegas (de todo tipo, que non responden ao tema deste post) desta páxina web. |
Nota 1: Por suposto, tamén no galego se cometen erros por influencia do castelán (en ningún momento pretendo criticar ao galego, todo o contrario, por se houbera calquera dúbida). E non por iso deixa de ser enriquecedora a convivencia de dúas linguas. A quen si critico é as persoas que renegan do galego e logo utilizan algunhas destas formas descoñecendo a súa procedencia.
Nota 2: Os encabezamentos son as palabras ou expresións galegas correctas. Algunhas introdúcense tal cal en castelán e outras adaptadas (caso, por exemplo de "non colle", pois o que se di é "no coge").
- Colo. Coller a alguén no colo (especialmente aos cativos) é collelo en brazos. Seica en castelán hai que utilizar esta outra expresión que empreguei como sinónimo para explicalo ("coger en brazos"), ou ben "regazo". Non sei se haberá algún galego que teña vivido aquí toda a vida e que pronuncie con naturalidade esa palabra.
- Peto / petar. "Dorameon ten un peto máxico..." e peto en castelán dise "bolsillo" e tamén, noutra das súas acepcións, "hucha" (neste caso, eu polo menos si emprego o termo correcto). Como "petar" é chamar á porta e non existe como tal en español.
- Reseso. Desta souben nunha clase de lingua castelá do instituto. O correcto en castelán é "revenido", verba que non son quen de utilizar malia a saber xa desde hai anos que é a correcta para falar dos alimentos que non se atopan en condicións óptimas polo paso do tempo.
- Non colle. "Coller", en galego, ten a acepción do que en castelán é "caber" (ter espazo para algo ou alguén), pero non así en español. Sen embargo, non é estraño oílo dicir: "No coge" en lugar de "no cabe".
- Pota. Este recipiente empregado para facer a comida é unha "olla" ou ben "cazuela".
- Máis nada. É equivalente a "nada máis", só que cambiando a orde, cousa que non é posible en castelán aínda que se faga.
- Estea, dea. Esa a final caracteriza ao presente de subxuntivo dalgúns verbos. Os equivalentes nestes dous casos son "esté" y "dé".
- Colliches. Creo que xa o comentei nunha das entregas de Palabras más, palabras menos: eu cría que o uso do ese final no pretérito perfecto simple en castelán era por influencia do galego, onde dicimos "dixeches" ("dijiste"), "fixeches" ("hiciste"), "colliches" ("cogiste") e así sucesivamente. Pero queda como dúbida, porque teño comprobado que hai moita xente non galega que incorre neste erro e descoñezo se hai outra orixe para que aconteza iso.
- Rosmar. Este verbo significa "emitir sons confusos ou palabras incomprensibles como mostra de enfado". Non existe en español.
- Daquela. Este é un adverbio cuxa tradución literal é "entonces", e en ningún caso "de aquella", pese a que se use con frecuencia.
- Non dou. Na lingua propia de Galicia (e só nela), "non dar feito algo" e non ser quen de facelo (outra expresión galega que ás veces se escoita en castelán incorrectamente: "No soy quien").
- Darse de conta. Teño coñecido (a tradución literal disto podería ser outro apartado) xente que pensaba que o uso da preposición "de" nesta expresión era incorrecto mesmo en galego. E, pola contra, outros pensan que hai que usala en castelán ("No me doy de cuenta"). Os dous grupos están equivocados.
- Aprendeume a. En galego dise que unha persoa lle aprende a outra a facer algo, non así en castelán: "Me enseñó a" (non "me aprendió").
- Non me come nada. Sei que pode soar mal, si. Pero en galego pódese dicir "o neno non me come nada" con ese pronome (chamado "de solidariedade") que pon énfase na frase. Hai quen o extrapola á outra lingua cooficial, pero non debera.
- Vouche dicir unha cousa. En galego hai determinadas perífrases (segundo o significado) que non levan preposición, pero en castelán nunca se pode dicir "te voy decir una cosa" e hai quen o fai.
- Hai dous anos. Mentres en galego hai quen utiliza "fai" (mesmo galegofalantes, refírome) para referencias temporais, tamén hai quen en español di "hay dos años" en vez de "hace". Menos frecuente que moitos dos anteriores, pero tamén se escoita.
- Moita calor. Hai moitos substantivos cuxo xénero non coincide nas dúas linguas, pero penso que "calor" é un dos que máis leva a confusión: "Hace mucha calor".
- Lavar a louza. A tradución equivocada neste caso é "loza" e o que debera dicirse, "vajilla".
- Trapallada / trapalleiro. A Real Academia Galega define esta verba como "cousa mal feita, sen coidado nin arte". Forma parte dese grupo de termos que non teñen unha tradución exacta.
- Tirar con algo. É desfacerse de algo, o que sobra en castelán é a preposición.
- Non dou feito. Significa "no dar abasto".
- ¿E logo? Expresión galega onde as haxa. Iso de "¿y luego?" a min non me acaba de convencer.
- Para o ano. Expresión galega (valería con semana, mes, etc.) para falar de tempos vindeiros: "El año que viene", "el próximo año".
- Esmagar. Significa desfacer algo, sendo un termo exclusivamente galego (o correspondente sería "aplastar").
- Parvo. É probablemente o insulto preferido dos galegos, e propio unicamente da nosa lingua.
- Non a era. Non é doada de explicar esta. O equivalente en castelán sería "no era ella", e non a mala tradución la expresión galega: "No la era".
- Choiar. É un termo coloquial que significa traballar. Dise moito "chollar", pero o dicionario non o recolle con este significado.
- Birollo. Trátase da palabra galega para "tuerto".
- Fochicar (fuchicar). Refírese a "manipular cousas que estaban en orde deixándoas revoltas ou en mal estado". Non teño moi claro o equivalente exacto.
- Xa cho dixera. Un gran número de galegos non coñece o tempo pluscuamperfecto ou antepretérito do castelán e, por influencia da nosa outra lingua, poden chegar a dicir "ya te lo dijera" en lugar de "ya te lo había dicho".
- Estes, eses. As formas demostrativas masculinas plurais son "estes" e "eses" mentres na lingua de Cervantes debemos dicir "estos" e "esos".
- Póla. Coido que xa pasou de moda, pero houbo un tempo no que se dicía moito "estás en la pola" para dicir que alguén estaba despistado ou no seu mundo ("estar en Babia" sería unha alternativa). Pero pola non o recolle a RAE, senón que a forma correcta é "rama").
- ¿O que? Está moi estendida esta expresión, en lugar de "¿el qué?".
- Rabudo. Para a miña sorpresa, non aparece tampoudo no dicionario da RAG.
- Cheirar. Acción de aplicar o sentido do olfacto ou, especialmente, despedir mal olor ("feder", tamén empregado en ocasións en castelán no lugar de "heder").
- Riquiño. Sen tradución exacta. Todo galego sabe ben do que estamos a falar.
- Timbrar. Entre as acepcións deste verbo está a de "facer soar un timbre", que non existe en castelán.
- Sae. O imperativo do verbo saír é en galego "sae" e en castelán "sal". É frecuente un calco que leva a dicir "sale".
Na bibliografía consultada (especialmente, aquí) atopei outros casos que non escoitei nunca e que non me soan de nada, polo cal decidín desbotalos. ¿A alguén se lle ocorren máis palabras ou expresións galegas inexistentes ou incorrectas en castelán?
Non hai que confundir con palabras gallgas que xa foron aceptadas en castelán, caso de morriña, botafumeiro, filloa, vieira, choza, grelo, cachear, sarpullido ou chapapote, por mencionar algúns casos. E queda pendente para outra ocasión o castelán ou galego vigués, con vitrasa -autobús urbano- e faro -xornal- (escríboo con minúsucula porque o que se fai é precisamente utilizalos en calidade de nomes comúns) como máximos expoñentes.
¡Feliz Día das Letras Galegas! (Dedicado este ano a Xosé María Díaz Castro).
Relacionado:
Con ritmo galego (cancións galegas míticas).
No hay comentarios:
Publicar un comentario