miércoles, 22 de enero de 2014

O uso do galego como falta de respecto

(Nota: Este post se puede leer en castellano utilizando el traductor automático de Google que aparece a la derecha de la pantalla o en mi propia traducción, más exacta)


"Espero que X no trague con el gallego. Es una falta de respeto a los aficionados de fuera y a los rivales que nos visitan". Este é un tuit escrito por un xornalista deportivo que lin onte e que deu lugar a unha importante polémica. Esa X e outra omisión en relación co texto real responden a que non quero facer disto unha extensión da rivalidade entre equipos, porque nada ten que ver con iso, senón que é unha cuestión totalmente diferente e que trascende a ese outro asunto.


Tuit del periodista deportivo Luis Novo sobre el uso del gallego en la megafonáid e Riazor
O tuit en cuestión, sen referencias ao equipo concreto porque
non é relevante no caso que nos ocupa.


O odio ao galego ou o sentimento de vergonza que xera nalgunhas persoas non entende de equipos nin afeccións, como tampouco entende -en liñas xerais, quero crer- de galegos dunha zona ou doutra da comunidade (e tamén afecta a xente de fóra, claro, aqueles que aborrecen as linguas co-oficiais e que queren potenciar a toda costa o idioma común que mesmo chegan a ver en perigo; todos sabemos que existen e que son). Pero a afirmación é rechamante, en especial o uso do verbo "tragar". Resulta que que a megafonía dun estadio galego estea en galego supón unha "falta de respecto" á xente de fóra. O uso da propia lingua como ofensa aos que non a coñecen (que, ademais, son minoría sempre, como é obvio).

Entendo daquela que cando os equipos españois que participan en competicións europeas reciben a conxuntos alemáns, italianos ou rusos, por poñer algún exemplos, tamén é unha "falta de respecto" que a megafonía dos campos correspondentes estea en castelán, ¿non si? Temo que iso non se vai plantear, ¿por que será? ¿E acaso deixan eses conxuntos estranxeiros de usar as respectivas linguas cando actúan como locais fronte a clubes españois ou doutras nacionalidades distintas das súas?


A información realmente relevante  para todos os
afeccionados (véxase o resultado, os cartóns ou as
aliñacións) aparecen nas pantallas e non entenden de linguas.



Aparte de que a información que se ofrece normalmente vai aparecendo nas pantallas correspondentes e non entende de idiomas: aliñacións cos nomes e dorsais dos xogadores, cartóns que reciben (o debuxo do rectángulo da cor correspondente é universal, penso), os trocos... Aínda que non fose así, falar de falta de respecto por utilizar unha lingua propia paréceme unha parvada das grandes. Unha escusa que agacha detrás o odio ao galego que as persoas que defenden este argumento nunca van recoñecer (quizais pode que nin teñan conciencia real dese sentimento), pero que vai implícito nas súas palabras.


As aliñacións aparecen na pantalla cos dorsais e os nomes (as fotos, iso
si, só figuran no caso dos locais,  polo menos no estadio que eu coñezo).


Ante os ataques recibidos pola persoa cuxo tuit me levou a facer esta reflexión (insisto en que son perfectamente consciente de que é un representante máis dunha postura que está moito máis estendida do que me gustaría), matizou que se estaba a referir ao "uso exclusivo" do galego. Ben, entendo que é partidario do chamado bilingüismo (ou trilingüismo, xa postos) harmónico, unha perda de tempo coma outra calquera, neste caso. E xa se está a retratar de novo deixando ver de que pé coxea e con que tipo de posicións se aliña.

Algúns estamos orgullosos da nosa megafonía en galego, mesmo aínda que non sexa a nosa primeira lingua (ou aínda máis polo feito de que non o sexa, diría eu). E tuits como o que lin onte si que nos semellan non tanto unha falta de respecto coma unha falta de sentido común.

3 comentarios:

  1. Ti non o dis pero eu si, e como ata fai pouco andaba eu pola Coruña con deportivistas e coruñeses, bastantes son as voces dalí, aínda que pareza raro sendo a cidade herculina, que levan tempo pedindo que o galego teña presenza no estadio e na vida do equipo. Supoño que ese chío ten a súa razón de ser nas eleccións deportivistas... É unha mágoa que aínda exista xente así e na Coruña, por desgraza, abundan estas ideas, incluso entre adolescentes. Noutros lugares de Galicia poden exisitr ideas parecidas, pero non son tan visibles nin abundantes (polo menos como o percibo eu). O curioso do tema é que alí está o Arquivo do Reino de Galicia e a Real Academia Galega, entre outras institucións...

    ResponderEliminar
  2. Pode que será máis xeral alí, pero preferín non entrar niso porque sei que aquí tamén hai xente que pensa parecido... Non se pode meter a ningunha afección ao completo no mesmo saco. O que si que non puxen no post e que me parece curioso é que xusto ao iniciarse unha nova etapa nun clube con problemas (creo que o feito de que teñen problemas é algo obxectivo que non ofenderá a ninguén) unha das primeiras peticións que fagan esta persoa sexa esa. Ter como prioridade a eliminación do galego da megafonía frente a tantas outras cuestións paréceme case enfermizo.

    ResponderEliminar
  3. Xente para todo... Supoño que esta persoa defenderá con moita forza que cando vaia o Lugo a Riazor todo sexa en galego... Se fixera iso, aínda que seguiría estando en contra da súa opinión, polo menos sería coherente na súa argumentación...

    ResponderEliminar