jueves, 28 de febrero de 2013

Danos pedagóxicos e outras trapalladas

Leer en castellano

A risco de que a xente como a persoa cuxas verbas me levan a escribir isto lle moleste, fágoo en galego. Se algo bo tiveron esas palabras foi que me lembraron que xa había bastante tempo que non escribía aquí na miña outra lingua e apetéceme facelo. Refírome a este tuit -chío, na recentemente estreada nomenclatura da versión de Twitter en galego- publicado o martes á noite:




E hoxe non vou a opinar. Vou expoñer a miña experiencia persoal e, despois, vou preguntar.

A miña lingua materna non é o galego, ou non a primeira. É certo que escoitei galego desde cativa, dos meus avós, dos meus pais nalgunhas ocasións; pero se podo escribir isto en galego probablemente é porque o estudei na escola. Estudei as materias que é obrigatorio que se impartan en galego (o famoso Coñecemento do Medio, Xeografía, Historia, algunha outra optativa) e mesmo outras puntualmente, por exemplo as Matemáticas de 3º da ESO cun dos mellores mestres que recordo. Non só non tiven dano pedagóxico ningún (gustaríame coñecer en que consiste ese dano do que fala Larrauri, pero a miña petición vía Twitter para que mo aclarara non tivo éxito, por suposto), senón que considero que foi moi beneficioso para min, para a miña formación, e tampouco considerei que atentase contra a miña liberdade.

¿Tan rara son? ¿Constitúo a excepción que confirma a regra? Pois resulta que coñezo a moitas outras persoas -familiares, amigos, compañeiros que estudaron comigo- que estaban exactamente na mesma situación. Ninguén colleu ningún trauma que eu saiba, nin sufriu ningún problema derivado de que certas materias se impartisen en lingua galega. Insisto, ¿que entendemos por dano pedagóxico?

Se os nenos teñen que aprender na lingua materna, ¿que fariamos cando na mesma aula coincidan nenos con diferentes linguas? ¿Separámolos atendendo a ese criterio? E se é un ou dous procedentes de familia galegofalante (caso frecuente nas cidades) e o resto non, ¿illamos a estes do resto en vez de facer que se relacionen, interactúen e aprendan uns dos outros? ¿E que se fai cun rapaz que teña dúas linguas maternas cada unha correspondente  a un dos seus proxenitores? Dos danos que sufrirá un neno de familia inmigrante ao ter que ser escolarizado en España -referentes ao tema da lingua e deixando á marxa calquera outra cuestión- xa nin falamos, irreparable, imaxino.


 O membro do partido de Rosa Díez asegura que as súas teses están avaladas polo mesmísimo Castelao e mais 


Estudei nunha facultade onde practicamente todas as materias se impartían en galego. Xa non eramos nenos, está claro. Pero tampouco sei de ninguén que sufrise  eses danos, habendo entre os alumnos uns cantos procedentes doutras comunidades autónomas e sen coñecemento previo da lingua (o da miña experiencia como Erasmus, aprendendo en italiano e dialecto pisano mellor o deixamos aparte, quero pensar que aos vinte anos xa non se producirán eses danos, ¿ou si?).

Tiña entendido que cando mellor se aprenden as linguas é de nenos, e que existen pretensións de dar materias en inglés desde idades temperás. ¡Canto dano para a mocidade!, ¿non? Se estudamos galego exclusivamente en clase de lingua galega coma nos meus tempos ocorría co inglés, en vista dos resultados dos españois no idioma anglosaxón, a aplicación das teorías de Larrauri suporía renunciar abertamente a unha pretensión de bilingüismo que xa de por si segue bastante afastada da realidade lingüistica. E, ademais, traduciríase nun retroceso tremendo para a lingua, probablemente o que persegue -aínda que non se atrevan a dicilo con todas as letras- UPyD.


Pedro Larrauri foi o candidato de UPyD á alcaldía de Vigo en 2011.
A súa formación política non obtivo representación na corporación olívica.

*Nota: Máis relacionado con isto do que puidera parecer está esta carta remitida por Larrauri ao director de Faro de Vigo publicada no devandito diario hoxe. Amosa un descoñecemento do tema do que fala (a afección do Celta, a súa natureza e a realidade do clube) que semella un problema cotián no seu discurso. Coincide en grande medida coas teses defendidas a pasada semana por medios de estrema dereita (e non só) nacionais, pero co agravante de que alguén que aspirou á alcaldía de Vigo non debera vivir tan alleo á realidade que o rodea se pretende representar á cidadanía.


Relacionado:

No hay comentarios:

Publicar un comentario