domingo, 22 de enero de 2012

Imbéciles e escuros

Cando estou na casa os sábados pola mañá adoito ter de fondo o Canal 24 horas de TVE mentres leo a prensa. E alí está "la del pepino" -Beatriz Pérez Aranda-, como digo eu, repetindo as mesmas noticias cada media hora aproximadamente. Onte foi distinto. Para a miña sorpresa, atopeime a partir de certo momento coa restransmisión en directo do funeral por Manuel Fraga, que tamén podía ser visto simultaneamente na TVG.


Funeral de Manuel Fraga, Obradoiro, Santiago de Compostela
Homenaxe a Manuel Fraga, onte no Obradoiro compostelano.

Xa escribín aquí sobre o que me suxire o pasamento do político vilalbés pero, unha semana despois, creo que cómpre insistir en que Fraga foi un home con moitas sombras, cun pasado franquista do que nestes sete días apenas si se lembrou a parte boa -se hai algunha que se poda cualificar deste xeito- desa etapa súa e máis o seu papel posterior na transición á democracia e como pai da Constitución -aínda que tamén hai excepcións ás que paga a pena botar unha ollada-. E seguindo nesta dinámica, vimos onte en dúas canles públicas unha cerimonia -relixiosa, por certo, nun estado aconfesional- por un político da ditadura.



Rajoy, Feijoo, Arenas, González Pons
Unha ampla representación do PP, incluído o presidente Rajoy, acudiu ao acto.

"Morreulle á súa familia, a Galicia e a España", chegou a dicir o arcebispo de Santiago. Do primeiro non cabe dúbida, sobre os outros dous puntos cabería algunha que outra discusión. Trala eucaristía, as autoridades que acudiron á mesma presenciaron a interpretación do himno galego mentres unha pantalla xigante en plena Praza do Obradoiro amosaba algunhas imaxes da vida de Fraga, entre elas a inesquecible do baño en Palomares. Curiosamente, soou a parte que di "mais os iñorantes, só os iñorantes e feridos e duros, imbéciles e escuros non nos entenden, non", con frecuencia omitida. Quizais algúns dos alí presentes poderían darse por aludidos -non así os pobres xubilados que, pensando que ían de excursión a Asturias, acabaron no funeral grazas a autobuses postos pola Xunta-.

No hay comentarios:

Publicar un comentario