Estes días, coa iniciativa xurdida para que os afeccionados celestes entoemos o himno do noso equipo no derbi contra o Deportivo de La Coruña -o primeiro en cinco anos que se disputa na máxima categoría do fútbol español-, lembreime de como e cando aprendín eu eses versos que adoitan soar en Balaídos interpretados por A Roda, e que desde entón eu cantei sempre que fun ao estadio (que non me supón agora novidade ningunha, vaia).
E acordeime de que hai uns meses, ordenando cousas no faiado, atopei un documento único que quero plasmar aquí e que é o culpable de que aprendese a letra, alá polo ano 97 ou 98, cando tiña uns dez anos e empezaba a interesarme polo Celta:
Letra e música do himno do Celta, cuxos versos aparecían tamén escritos -aínda que con múltiples erros lingüísticos- na camiseta oficial da pasada tempada. |
Era o 75º aniversario do clube e dérannos unha charla na escola de cuxo contido non podo dicir que me lembre, aínda que si sei que a cousa ía de fútbol e música (organizaba tamén Mayeusis), de aí a outra parte do folleto: Eggen, Djorovic, Josema, Juan Sánchez, Berges, Patxi Salinas, Revivo, Bruno Caires, Ito, Dutruel ou Geli, entre outros, e por suposto, os inesquecibles Mazinho, Karpin e Mostovoi, rodeados de instrumentos musicais (e acompañados tamén polos daquela adestrador e presidente, Irureta e Horario Gómez, e o entrañable Alvarito).
Unha campaña do Celta en colaboración con Mayeusis e o Concello de Vigo achegaba ao equipo aos escolares na tempada 97/98, repartindo folletos coma este que conservo quince anos despois. |
Naquela época, só tiñamos un xogador galego -que, de feito, posaba coa gaita- que non había durar moito máis no equipo, Míchel Salgado -fichou en 1999 polo Real Madrid, onde permaneceu unha década-. Agora, independentemente do resultado do sábado -cando moitos cantaremos o himno como o facíamos hai quince anos e sempre-, ese partido gañámolo por goleada; queda ver se hai sorte co outro...
Dani Abalo, Iago Aspas, Andrés Túñez, Borja Oubiña, Álex López, Toni Rodríguez, Sergio Álvarez, Jonathan Vila, Jonny, Rubén Blanco e Roberto Lago (falta nesta imaxe Hugo Mallo) son os canteiráns do primeiro equipo do Celta, posando onte para os medios. Foto: Marca.
-Entrada relacionada: De derbis, provocaciones, buenos y malos (reflexións previas ao derbi da primeira volta disputado en Riazor en novembro do ano pasado cando ambos conxuntos militaban na Segunda División ou Liga Adelante).
*Actualización 9/2/2014: As palabras que daban nome a esta entrada figuran desde hoxe na lona de Balaídos que substitúe á anterior, onde aparecían as facianas dalgúns dos xogadores máis importantes na historia do clube.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario