miércoles, 26 de marzo de 2014

Como cho digo

Leer en castellano

Onte coñecín a través de Twitter unha campaña da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) da que me quero facer eco. Baixo o nome de Como cho digo, un grupo de persoeiros populares galegos pertencentes a diferentes ámbitos piden que os medios de comunicación respecten as súas verbas en galego á hora de reflectilas tal cal cando eles escollen esa lingua para expresarse. Isto é, que non se traduzan ao castelán como se fai ás veces.




Trátase dun tema un tanto polémico. Teño oído a este respecto a típica resposta de que tampouco escoitamos na televisión nin lemos nos xornais as palabras de Angela Merkel -por poñer un exemplo- en alemán, pese a ser o idioma no que ela fala. Pero penso que hai que partir da base dunha realidade lingüística completamente diferente: o galego (debera selo máis) un idioma familiar para a maior parte dos galegos -que o estudan, que teñen nel a unha das súas linguas oficiais-, de xeito que é moi excepcional que alguén presente problemas para comprendelo. Está claro, así mesmo, que as semellanzas co español contribúen a esa sinxela comprensión ata o punto que é habitual -e iso, pola contra, non me parece especialmente ben- que as televisións nacionais non se molesten en subtitular as testemuñas de persoas que falan en galego.


O futbolista do Real Club Celta de Vigo Sergio Álvarez e o
debuxante Luís Dávila son dous dos participantes que prestan
a súa imaxe e o seu apoio a esta campaña.



Nesta campaña participan moitas persoas que absolutamente sempre se expresan en galego, o que provoca que ler unha entrevista con algún deles con preguntas e respostas redactadas en castelán queda mesmo artificial nun medio galego, dirixido ao público desta comunidade. Para máis inri, un dos participantes conta como unha vez lle traduciron "noxo" por "enojo", cando son termos que non ten nada que ver. Un erro (de tantos) evitable respectando as palabras orixinais.

Entendo que pode resultar estraño que nun xornal convivan dúas linguas. Pero penso que é só por falta de costume. ¿Non conviven acaso na sociedade? Pois diso se trata. Unha vez escoitei a alguén dicir (non ía dirixido a min): "Si lo escribes en gallego, no lo lee nadie". Daquela, ¿importa máis a lingua que utilice que o interese da persoa e do que teña que dicir? Significativo se é así, e en absoluto para ben.





Non me vou esquecer de que calquera empresa ten dereito a decidir que idioma utilizar e como e cando facelo, trátase dunha obviedade. Tamén que, sabendo como funciona cada medio, estas persoas teñen a posibilidade de interesarse polas condicións da entrevista e non concedela se non están de acordo co xeito no que se vai facer (unha rolda de prensa xa sería outra historia, claro). Creo que sería unha medida de presión efectiva e que, a medio prazo, levaría a que os medios aceptasen se a persoa ten interese e relevancia, caso de moitos dos participantes.

Máis alá de todo isto, penso que falta naturalidade e sobran moitos prexuízos.


Como cho digo, o galego nos medios de comunicación
Cartel do acto de presentación de Como cho digo, que tivo lugar onte.



Algúns dos participantes:
-Sergio Álvarez, futbolista. / -José Juan Barreiro, xuíz. / -Verónica Boquete, futbolista. / -Manuel Bragado, editor. / -Marcos Calveiro, escritor. / -Mónica Camaño, actriz. / -Roi Casal, músico. / -Juan Casares Long, reitor da Universidade de Santiago. / -Yolanda Castaño, escritora. / -Moncho Fernández, adestrador de baloncesto. / -Avelino González, actor. / -Luisito, adestrador. / -Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo. / -María Mera, actriz. / -Jorge Mira, físico. / -Ezequiel Mosquera, ciclista. / -Mónica de Nut, cantante. / -Ana Olveira, Unión de Consumidores. / -Xosé Manuel Pereiro, xornalista. / -Federico Pérez, actor. /-Manuel Rivas, escritor. / -Susana Romero, controladora aérea. / -Uxía Senlle, cantante. / -Fernando Vázquez, adestrador.


Engado este vídeo feito por alumnos do IES de Arzúa que coido que paga moito a pena e que vén ao caso:



No hay comentarios:

Publicar un comentario