O pasado domingo xurdiu a través das redes sociais unha convocatoria espontánea de concentracións nas principais cidades galegas "polas Fragas do Eume e en contra das mentiras da Xunta" tralo incendio declarado esta fin de semana. No evento correspondente en Facebook algunhas persoas preguntaban quen era o responsable da organización, pero eu achegueime á de Vigo sen sabelo -unicamente tiña coñecemento de que a Federación Veciñal e Esquerda Unida manifestaran o seu apoio ao acto; tamén o Bloque, que afirmara que se "sumaba"-, pero movida por unha causa que me parecía -e me segue a parecer- xusta.
Non me sorprendeu atopar a Porta do Sol -lugar de encontro- ateigada de bandeiras do Bloque Nacionalista Galego, con políticos desta formación coma o concelleiro Santiago Domínguez ou a deputada Olaia Fernández Davila encabezando a concentración. Digo que non me sorprendeu, pero tampouco me agradou, porque coido que non era necesario e pode que mesmo tampouco pertinente.
| As bandeiras do BNG ateigaron a concentración de Vigo en protesta polo ocorrido nas Fragas do Eume. |
